Desde hai seis meses as alumnas do Instituto de Educación Secundaria (IES) Johan Carballeira, na localidade pontevedresa de Bueu, acoden cada 4 de maio ao centro vestidas todas con saia. A afirmación, así contada, parecería que non contén noticia algunha. Pero sucede que a linguaxe que usamos segue lastrada por anos de heteropatriarcado. Do mesmo xeito que as mozas, as alumnas homes, e as que non queren incluírse en ningunha desas categorías porque non lles dá a gana, tamén visten con saia…
O 27 de outubro do 2020, Mikel, un mozo de Euskadi, acudiu ao seu instituto con saia. Os seus profesores sacárono de clase e levárono a unha psicóloga que lle preguntou se sentía unha muller e insinuoulle que se quitase a peza. El negouse, e os seus pais castigárono por iso. Mikel contou a súa historia nun vídeo que se fixo viral e que desatou un movemento xuvenil en toda España. Oito días despois, miles de alumnas protestaron contra a agresión ao seu compañeiro acudindo con saia aos seus colexios e institutos.As estudantes do Johan Carballeira –o instituto toma o nome do poeta, xornalista e alcalde da localidade asasinado polos fascistas en 1937- tamén o fixeron. Pero decidiron que a protesta non debería quedar aí. Por iso decidiron repetila todos os días 4 de cada mes. O movemento, etiquetado nas redes como # aroupanontenxénero, empeza a ter eco, e o pasado martes uníronselles as súas compañeiras do IES Illa de Ons e do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Plurilingüe A Pedra, tamén en Bueu.