Por cousas así é polo que non me gusta o do indulto. Por ese paternalismo de quen decide erguer o dedo matapiollos para perdoarlle a vida a un gladiador mentres, coa outra man, limpa o viño que lle caeu pola toga (toooogaaa, toooogaaa, toooogaaa…).
Non me pode gustar menos o do indulto. Como concepto, quero dicir. A nosa Academia non, pero a española –que ten máis experiencia con estas cousas– si que acerta ben co que significa: unha graza, é dicir, un favor especial por parte dunha institución. Hai institucións, como a Monarquía, que xa sabemos que todo o que fan, ou o que teñen, é especial. Ata as amigas.Corinna Zu Sayn-Wittgenstein, a aristócrata alemá «amiga» do emérito.Indulto soa máis que decimonónico, medieval. Ou mesmo anterior. Indulto foi o de Pilatos a Barrabás (imposible non imaxinalo no corpo de Michael Palin berrando «libegade a Bagabás!»); un indulto por aclamación popular, que era como se facían as cousas para contentar o populacho antes do que ardesen as redes e os odios se viralizasen a través de grupos de wasap cavernarios. Os Monty Python xa viron vir todo isto e colocaron entre os presos «sesenta e seis sediciosos de Cesarea». A traxedia e a farsa.